Radio SanSa

Escoita a radio da nosa escola!


A nosa radio.

Radio Sansa é un proxecto de radio escolar do C.P.I. San Sadurniño que dende a materia de educación plástica, visual e audiovisual quere chegar a toda a comunidade educativa e implicar a todo o alumnado e profesorado do centro, dende infantil a secundaria.

No momento actual estamos na fase de probas tratando de axustar a parte técnica e implicando e axudando ao alumnado para que sexan quen de desenvolverse sen moitos atrancos cos medios dos que dispoñemos.

Inicialmente os programas serán gravados para colocalos nesta web de maneira que poidan ser escoitados en calquera momento. Estamos a facer probas tamén coa emisión en vivo por internet de maneira que as producións en directo poderán ser escoitadas cando superemos algúns atrancos técnicos. Poida que máis adiante, se somos quen de asentar o proxecto cun grupo activo e estable de colaboradores, miremos a posibilidade de emitir usando unha pequena emisora de FM

Na nosa radio empregamos programas libres para a creación dos nosos programas. Traballamos sobre un sistema GNU/Linux con aplicacións de son como IDJC, Jack, Audacity, Audacious, ou Puddletag entre outros.

A música que escoitaredes na nosa radio será sempre baixo unha licenza que permita a súa libre difusión para respectar os dereitos de autor. As atribucións de autoría e información sobre os temas musicais empregados aparecerán en vivo nas nosas emisións en directo.

Esperamos que os nosos esforzos sexan do voso agrado e contamos coa vosa participación para darlle vida a este proxecto radiofónico escolar e comunitario. Vémonos nas ondas... ou nos bytes.


Horario de emisión: Venres tarde, sábado e domingo.